Infórmate > Que é a síndrome de Asperger?

Que é a síndrome de Asperger?

 

 

A síndrome de Asperger é un trastorno de orixe neurobiolóxica enmarcada dentro dos Trastornos de Espectro do Autismo (TEA). Como tal, está presente ao longo do desenvolvemento, os sinais de alerta se poden detectar dende idades temperás e as súas características se manifestan ao longo de toda a vida do individuo, cunha importante variabilidade en función dos apoios que reciba e as súas propias estratexias de compensación adoptadas, entre outros factores.

Ten unha incidencia de 3 a 7 de cada 1000 nacidos, especialmente en varóns. O ratio muller-home varía moito dependendo do estudo de referencia, dende 3-4:1 a 8:1. De todos os xeitos, a manifestación do S.A. nas mulleres non está exento de controversia, pois se considera que está a ser infradiagnosticado porque os síntomas se reflicten de xeito diferente.

A chamada "tríada de Wing" inclúe as tres principais alteracións que se presentan nos TEA. É esencial avaliar a súa manifestación na persoa (tanto a presenza/ausencia coma a forma en que o fai) para poder determinar o diagnóstico de S.A. e os apoios necesarios:

  • Relación social

A persoa con SA presenta a súa principal área de alteración dentro da relación social. A interacción cos demais non é axustada, tanto por exceso (desinhibición), coma por defecto (retraemento e/ou medo ao achegamento), como pola forma de relacionarse co ámbito; a conduta non se adapta aos diferentes contextos e persoas cos que se relaciona; existe unha dificultade para inferir os sentimentos, emocións e intencións dos demais, así como para expresar os propios. Esta dificultade a nivel social, tendo en conta que nos desenvolvemos día a día dentro dun ámbito e en constante interacción con outros, ten un importante impacto en todos os ámbitos da persoa.

  • Comunicación

A pesar de que as persoas con S.A. adoitan presentar un vocabulario rico e preciso, cunha adecuación en canto a contido e forma, a pragmática encóntrase afectada. A literalidade é un importante trazo que se reflicte tanto na adaptabilidade da linguaxe (as palabras teñen asignados significados moi precisos) coma na comprensión e uso de bromas, ironías e frases feitas, o que pode levar a incomprensión do discurso do noso interlocutor ou situacións incómodas a nivel social. Non é o único aspecto da comunicación afectado, senón que tamén existe unha dificultade para adaptarse ás regras conversacionais, na modulación do fala ou na comprensión e uso da linguaxe non verbal (xestos, contacto ocular, expresións faciais, etc.), precisamente un dos primeiros sinais que detectan familiares dende idades temperás.

  • Inflexibilidade mental e comportamental

Este aspecto supón unha limitación na relación cos demais e é fonte en moitas ocasións de conflitos pola incomprensión que xeran certos comportamentos estereotipados, rutinas ou dificultades de adaptación aos cambios. Tamén se manifesta en forma de intereses peculiares, que evolucionan dende unha preocupación por partes de obxectos ata o interese por ámbitos de coñecemento do máis diversos que xeralmente non coinciden cos que se consideran propios da súa idade e son anómalos pola súa intensidade e o grao de intrusión na súa vida diaria.

 

Ademais desta tríada, que reflicte as principais alteracións presentes nos TEA, existen unha serie de síntomas adicionais, tales como: torpeza motora, tics, hiper/hipo sensibilidade, déficit na función executiva, baixo umbral de frustración, etc.

A pesar de que aquí se subliñan as características xerais principais, hai que ter en conta que por enriba da denominación como trastorno, está a manifestación particular deste na persoa e as súas propias características. Debemos considerar cada persoa na súa individualidade, co seu perfil de dificultades e fortalezas, para así poder axudala e deseñar os apoios necesarios nos diferentes contextos nos que se desenvolve, tendo como obxectivo unha mellora do seu benestar social, familiar e persoal.

      Mostra este informe sen cabeceiras para imprimilo Imprimir
  • Paseo das Pontes nº 6, baixo
    15004 A Coruña

    Rúa Terranova de Eirís nº 7
    (Centro Cívico Municipal de Eirís)
    15009 A Coruña

    Teléfonos: 881 91 73 18 / 633 283 164
    asperga@asperga.org
  • Avda. Castelao, 48 baixo
    15705 Santiago de Compostela

    C/ Manuel María nº 6
    Salgueiriños - 15705 Santiago de Compostela
    A Coruña
    CABES (Casa de las Asociaciones de Bienestar Social)

    Teléfono: 881 16 51 57

    Rúa Carlos Maside, 7
    15704 Santiago de Compostela
    (Centro Sociocultural Jose Saramago - Vite)

    Teléfono: 981 11 50 86
    asperga@asperga.org

  • O desenvolvemento desta WEB foi posible grazas ao
    mecenado da Fundación Barrié e a RSC de Edisa.
    Logo FBarrie Logo EDISA